novembro, 2017

13nov20:0022:15Xornadas de Cinema, Viño e Cultura20:00 - 22:15 Espazo Nemonon. Villa Pilar, Rúa Marqués de Riestra, 11. PontevedraEvento tipo:Escena,Máis…

Máis

Detalles do Evento

Xornadas de Cinema, Viño e Cultura. 3ª Sesión: París nos anos vinte, era unha festa. Woody Allen: Midnight in Paris

Condutor da Sesión: Xavier Castro. Especialista na historia do viño e Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015. Libros do autor: A rosa do viño (Galaxia), A lume manso (Galaxia), A la sombra ejemplar de los parrales (Trea) e A mesa e manteis (USC)

Lugar: ESPAZO NEMONON & MAURO LOMBA (Villa Pilar. Rúa Marqués de Riestra, 11, Pontevedra)

Data: Luns, 13 de novembro, de 20 a 22.15 h.

Colabora: Ateneo de Pontevedra

Adega: VIÑA MORAIMA (Barro. D.O. Rías Baixas). Intervén pola adega: Salomé Cancela(PONTEVEDRA)

Neste evento salientarase o elevado poder de evocación que ten un bo viño, posto que como apuntaba certeiramente Álvaro Cunqueiro, non se bebe para olvidar -como adoita rezar o tópico da desventura- senón para recordar. E haberá que lembrar a invocación de Borges expresada nun soneto dedicado ao viño: “Vino, enséñame el arte de ver mi propia historia / como si ésta ya fuera ceniza en la memoria”.

Deste xeito, a 3ª sesión das Xornadas de Cinema, Viño e Cultura está dedicada a evocar o ambiente cultural de París nas décadas de 1920-30. Como lle acontece ao protagonista da película de Woody Allen Midnight in Paris, adentrarémonos no pasado da cidade luz, considerada o epicentro das novas tendencias creativas. Achegarémonos así ao friso composto polos literatos e artistas de vangarda que viviron nesta cidade. Coñeceremos a súa procura de novos vieiros para a creación, que levaban a cabo entre discusións nas tertulias dos cafés emprazados nos bulevares (non faltaría quen se referise nalgunha daquelas lerias á música de Cole Porter e as escandalosas farras celebradas no seu apartamento parisino) namentres tomaban copas de absenta, pastís ou de viño Burdeos. Entretanto, resoaban no ambiente os electrizantes acordes dos novidosos ritmos do jazz.

Deste xeito, os comentarios do condutor da sesión, Xavier Castro, darán conta dos gustos predominantes en materia de viños e outras bebidas e das claves esenciais dos creadores que se deron cita naquel París dos tolos anos vinte e trinta, no que a vida era unha moveable feast, como gustaba dicir Ernest Hemingway nas súas conversas con Scott Fitzgerald: nomeadamente Lorca, Buñuel e Dalí, que compartían inquedanzas vangardistas con Picasso, Juan Gris e os surrealistas de André Bretón nos salóns, bistrots e cabarets parisinos.

A recoñecida adega Viña Moraima presentará os viños que se cataran nesta ocasión, xa que o asisado neste evento é mollar cumpridamente a palabra. A devandita adega, situada en Barro (subzona do Salnés, enmarcada na Denominación de Orixe Rías Baixas) ten forma de cooperativa e ten a ben practicar unha agricultura de produción integrada orientada a obter o máximo partido á calidade da uva, dando como resultado uns viños monovarietais albariño 100% nos que se aprecian as súas características xenuínas. Na actualidade,Viña Moraima elabora tres viños de calidade contrastada; dous brancos: Aba de Trasumia e Moraima, e un caiño tinto que é para tirar foguetes.

Agora ben, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. Consecuentemente, serviranse petiscos de pan artesán con friames e queixo galego de calidade, que a todo isto da dereito a inscrición que se efectuará no Espazo Nemonon. (Prezo: 15 euros)

PREZO:
-15 euros (con dereito a varios viños e petiscos).
-Aforo limitado, polo que é indispensable reservar. Pódese adquirir a entrada, por rigorosa orde de inscrición, en Nemonon & Mauro Lomba (Villa Pilar. Rúa Marqués de Riestra, 11), de luns a venres, en horario de 9 a 15 horas.

Para máis información e reservas:
Espazo Nemonon & Mauro Lomba (E-mail: contacto@nemonon.com / Teléfono: 986 89 67 25)

+info. en Ateneo de Pontevedra

 

Hora

(Luns) 20:00 - 22:15

Localización

Espazo Nemonon

Espazo Nemonon. Villa Pilar, Rúa Marqués de Riestra, 11. Pontevedra

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa