xaneiro, 2020

28xan20:30MUNICIPAL"Os espigadores e a espigadora" - Proxección do Cineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6Evento tipo:Escena,Municipal

Máis

Detalles do Evento

Agnès Varda (Bruselas, 30 de mayo de 1928 – París, 29 de marzo de 2019) é sen dúbida unha das referencias fundamentais do cinema europeo dos últimos 60 anos. Adiantada ao seu tempo, experimentou con formatos e xéneros dende os inicios da súa carreira, creando unha obra personalísima que transgrediu fronteiras entre documental e ficción e que foi pioneira do cinema feito por mulleres e referente do cinema feminista.
Mais a súa traxectoria artística non se limitou ao cinema, senón que traballou a fotografía, a escrita e maila (vídeo)instalación, como puidemos comprobar na amplísima mostra Variacións arredor do mar, que, comisariada por Julia Fabri, habitou o Pazo da Cultura de Pontevedra no 2018.

No Cineclube comezamos a nova década con tres filmes emblemáticos da directora da Rive Gauche, movemento cinematográfico do que participaron tamén Chris Marker e Alain Resnais, e que se define polas súas fortes ligazóns ao nouveau roman —nomeadamente a Marguerite Duras e Alain Robbe-Grillet—, por un forte interese polo filme experimental e por unha unha asumida identificación coa esquerda política.

 

MARTES 7 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
Cléo de 5 a 7
Dir. Agnès Varda
Francia, 1962, 90 min. VOSE.

Cléo é unha cantante de éxito que, angustiada pola espera duns resultados médicos que lle confirmarán se ten cancro ou non, acode a unha adiviña para que lle lea as cartas. Esta predice con acerto distintos aspectos da súa vida e augúralle un prognóstico fatal: a carta da morte aparece sobre a mesa. A ansiedade da protagonista dispárase, mais a vella adiviña apresúrase a calmala dicíndolle: «Esta carta non é necesariamente a morte. Significa unha transformación total do teu ser».

Obra mestra de Agnès Varda e segunda longametraxe da directora. Cléo de 5 a 7 é un poderoso retrato feminino, entre o cinéma vérité e o melodrama, protagonizado por unha magnífica Corinne Marchand. Foi presentada e nominada en Cannes á Palma de Ouro. Sensible, lúcida, indispensable.

 

MARTES 21 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRAMARTES 21
Sen teito nin lei
Dir. Agnès Varda
Francia, 1986, 105 min. VOSE.

Sen teito nin lei é a inquietante historia de Mona (fenomenal Sandrine Bonnaire), unha indixente vagabunda de dezaoito anos que fai autostop a través da invernal campiña francesa. O achado do seu corpo conxelado nunha gabia dá paso á reconstrución dos seus derradeiros días a través de entrevistas e flashbacks introducidos por medio de persoas que entraron en contacto con ela.

Cinta devastadora e crúa no xeito de abordar a condición dalguén que non ten nada, nin onde ir, nin sabe que facer coa súa ira. Unha outra visión feminista, provocadora, non fácil de dixerir, e que sen embargo foi dos filmes máis exitosos de Varda, co que gañou o León de Ouro en Venecia. O papel de Mona valeulle tamén a unha novísima e magnífica Sandrine Bonnaire o César á Mellor Actriz.

 

MARTES 28  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
Os espigadores e a espigadora
Dir. Agnès Varda
Francia, 2000, 82 min. VOSE.

Partindo de dúas célebres pinturas realistas con forte carga social (Les glaneurs, de Jean François Millet e La glaneuse, de Jules Breton), Agnès Varda constrúe un dos seus filmes máis poderosos e fascinantes. Les glaneurs et la glaneuse verte unha lúcida mirada sobre os espigadores, aquelas persoas que viven de recoller a comida sobrante en mercados, almacéns e campos de cultivo, ben por necesidade, ben como maneira de se rebelar contra a sociedade. A cinta é unha reflexión ecoloxista sobre o consumo, o capitalismo, o lixo e o desperdicio que foi rodada grazas á axuda dunha pequena cámara dixital. A propia Varda aparece nela coma recolectora de imaxes, de visións alleas que fai súas e ás que lles rende tributo con fervor.

 

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Asociate: 60 € (ano), 18 € (trimestre) ou 3 € (pase).

+info. en cineclubepontevedra.blogspot.com

 

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal

Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa