setembro, 2017

14setTodo o Día12novMUNICIPAL'Na beira do río. Diálogos na pintura'. Exposición de Jaime Falcón e Agustín Pousseu(Todo o Día) Pazo da Cultura. Rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 PontevedraEvento tipo:Exposicións,Máis…,Municipal

Máis

Detalles do Evento

Dende o 14 de setembro ata o 12 de novembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, Jaime Falcón (Cambados, Pontevedra, 1942) e Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958) achéganse á corrente do Lérez para dende as súas orelas converter a súa pintura en protagonista do outono pontevedrés.

‘Na beira do río. Diálogos na pintura’ chega con eles a súa séptima edición. Sete anos dialogando a través das pinceladas de diferentes protagonistas que elixiron a pintura como xeito de expresión e, co paso do tempo, tamén de resistencia fronte a outras disciplinas artísticas e, porque non, fronte a unha sociedade que nunca é o suficientemente agradecida cos seus artistas.

Cunha longa experiencia no mundo da arte os protagonistas desta edición son veciños de Pontevedra e dende esta cidade veñen a renovar a súa sobranceira posición no eido cultural a través da súa propia linguaxe que nesta exposición enguedéllanse entre si para compoñer unha nova mirada dende esa conversa aberta a todos nós.

Ambos traballan dende esa profundidade que esixe a pintura. A loita co lenzo en branco para resolver problemas á hora de armar unha composición axeitada, porque se algo preocupa a ambos é honrar esa paixón pictórica.

As lendas e tradicións, o mar ou o Entroido son o compás para mergullarse nas temáticas propostas por Falcón. Paisaxes debullados dende a experiencia interior, veladuras que xeran unha atmosfera abraiante para encher de maxia cada un dos seus lenzos, figuras dunha mirada infinda cara o horizonte e as súas características máscaras, de longa tradición na historia da pintura, e que amosan aquí a habilidade do autor para manexar unha temática tan complexa pero de fascinantes conquistas para o goce do espectador.

O outro protagonista desta cita, Pousseu, fuxe dun tratamento mecánico da pintura, da repetición que aburra ao espectador, pero tamén ao artista, tentando conquerir novas solucións para unha arte que se desprega máis aló do pictórico, achegándose ao escultórico, o arquitectónico ou ao deseño. A súa serie Reflexos máxicos constrúese dende esa xénese do creador onde tamén a música ou a escrita conflúen nuns cadros que agochan e contan moitas cousas. Nesa pescuda o creador é quen de facernos camiñar polo medio dun bosque, un xeito de experimentación artística abraiante pola súa consecución e por acadar un resultado de infindas posibilidades dende a diversidade da composición e as posibilidades da materia.

Visitable de martes a venres de 18 a 21 h. Sábados, de 12 a 14 e de 18 a 21 . Domingos e festivos de 12 a 14 h. Luns, pechado.

Hora

Setembro 14 (Xoves) - Novembro 12 (Domingo)

Localización

Pazo da Cultura

Pazo da Cultura. Rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa