xullo, 2018

31xul22:30Cinema no xardín22:30 Liceo Mutante. Rosalía de Castro, 100 PontevedraEvento tipo:Escena,Máis…

Máis

Detalles do Evento

Un ano máis, coa chegada do verán, o xardín da asociación cultural Liceo Mutante convértese en sala de cinema. As sesións, programadas en colaboración co Cineclube Pontevedra, serán de balde e estenderanse ao longo do mes de xullo. Non volas perdades, están feitas co máximo cariño.

 

Organizan Liceo Mutante e Cineclube Pontevedra Onde? No xardín da Asociación Cultural Liceo Mutante (Rosalía de Castro, núm. 100, Pontevedra), aquí podedes situarvos no mapa e ver como chegar dende a Peregrina Hora 22:30 h Prezo De balde Recomendamos Levar chaqueta ou xersei, estaremos cerquiña da ría.

 

Xoves 12 de xullo | 22:30 h. | Liceo Mutante

Fóra (Rodrigo Cota, 2018, 58 min.). Coa presenza do director e representación da APDR.

Guionizado e dirixido por Rodrigo Cota, Fóra é un proxecto audiovisual que pretende recompilar a historia da oposición ao complexo das factorías de Ence e Elnosa na súa actual localización. O documental dálles voz aos principais protagonistas da oposición a Ence dende as súas orixes ata hoxe e ofrece decenas de documentos inéditos, así coma o testemuño de moitas das persoas que participaron na loita contra as factorías.

Entre o contido documental atópase abundante material sobre o impacto negativo que a posta en marcha de Ence supuxo para o sector turístico dende o primeiro momento, un sector entón puxante e en pleno auxe. Tamén dá conta de documentos e testemuños sobre as protestas, a partir de principios da década de 1960, e das queixas dos sectores pesqueiros, conserveiros, marisqueiros e bateeiros.

 

Venres 20 de xullo | 22:30 h. | Liceo Mutante

Mulleres da Raia e Palmira (Diana Gonçalves, 2009 e 2017, 42 e 30 min.). Coa presenza da directora.

Mulleres da raia é unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia  que nos transporta ao noso pasado máis recente. O contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A Raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia, e as súas mulleres son testemuñas e protagonistas.

Palmira é o resultado de cinco anos de encontros promovidos polo laboratorio O Retrato Filmado (Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui). Palmira foi tamén unha das protagonistas do primeiro documental de Diana Gonçalves, Mulleres da raia. Un corpo canso mais resistente. E do outro lado da cámara, a tentativa de atopar ese intre fugaz que nos revela algo máis da vida. A construción dun retrato a partir do encontro ao longo dos anos entre unha muller centenaria e unha aprendiz documentalista. Retrato de Palmira? Da documentalista? Sen querelo inicialmente, de ambas as dúas…

 

Martes 24 de xullo | 22:30 | Liceo Mutante

O ollo imperativo (María Ruido, 2015, 63 min.)

O ensaio visual O ollo imperativo, producido en Marrocos dende xuño de 2014, especificamente para o Centre d’Art Santa Mònica, proponse como reflexión transversal sobre o papel que o rexime da visualidade adquire dentro dos procesos decoloniais e neocoloniais, entendidos estes non só exclusivamente como formas de explotación político-económica senón como un pensamento abismal —que diría Boaventura de Sousa— que domina o sistema-mundo e que non cesa.

Este filme, construído con textos reescritos de Frantz Fanon e Aimé Césaire presenta como caso de estudo a Marrocos, mais quere reflexionar sobre as expectativas da construción dunha xustiza cognitiva fóra do sistema hexemónico de coñecemento e representación —en todos os sentidos do sistema de representación— e, por extensión, preguntarnos en que medida é posible unha(s) verdadeira(s) soberanía(s) visuais e que potencialidades políticas teñen.

 

Xoves 26 de xullo | 22:30 h. | Liceo Mutante

Uluru (Alberte Pagán, 2018, 6 min), Rapa das Bestas (Jaione Camborda Coll, 2017, 10 min.), Quiasma (Tono Mejuto, 2017, 10 min.), Montañas ardientes que vomitan fuego (Helena Girón e Samuel Delgado, 2016, 13 min.), M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987) (Ángel Santos, 2017, 14 min.). Coa presenza dalgúns directores.

Sesión de curtametraxes atravesada polo Uluru australiano, pola relación corpo a corpo do home e o animal nun contexto de loita, polo cinema-danza, por tubos volcánicos como vasos comunicantes entre espazos e tempos, e polo retrato do pintor pontevedrés Manuel Moldes.

 

Martes 31 de xullo | 22:30 h. | Liceo Mutante

Le Mépris (Jean Luc Godard, 1963, 102 min.)

Co pretexto argumental dunha obra de Moravia, Godard reflexiona sobre o home e o cine nun filme que el mesmo explica coma «a historia da xente que se mira e se xulga a si mesma e que, ao tempo, é contemplada e xulgada polo cinema, aquí personificado por Fritz Lang, que representa o seu propio personaxe e que é consciencia e identidade do filme».

 

 

Hora

(Martes) 22:30

Localización

Liceo Mutante

Liceo Mutante. Rosalía de Castro, 100 Pontevedra

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa