xaneiro, 2019

08xanTodo o Día29Cineclube Pontevedra. Programación xaneiro 2019(Todo o Día) Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6Evento tipo:Escena,Máis…,Municipal

Máis

Detalles do Evento

Programación xaneiro 2019 organizada polo Cineclube Pontevedra.

Colaboran: Det Danske Filminstitut e Institut Français.

CARL THEODOR DREYER (1889-1968)

“Dreyer é, se cadra, con Eisenstein, o único cineasta cuxa obra iguala a dignidade, a nobreza, a potente elegancia das obras mestras da pintura, non só porque se inspira nelas, senón, máis en concreto, porque reencontra o seu mesmo misterio nunha profundidade estética semellante. Non teñamos ningunha falsa modestia con respecto ao cinema: un Dreyer pódese comparar cos grandes pintores do Renacemento italiano ou da escola flamenca…» (André Bazin, 1952)”

 

MARTES 8

A PAIXÓN DE JEANNE D’ARC
La Passion de Jeanne d´Arc, Carl Theodor Dreyer, 1928, 110 min., VOSE, muda.

Guerra dos Cen Anos, séculos XIV e XV. En 1431, a moza Jeanne d’Arc, despois de conducir as tropas francesas á vitoria, é arrestada e acusada de bruxaría. Ela declara ter recibido de Deus a misión de salvar Francia, pero é procesada e condenada a morrer na fogueira.

Considerada coma un dos cumios da creación cinematográfica mundial, La Passion de Jeanne d’Arc rodouse case na súa totalidade en interiores, sen maquillaxe e con luz natural. Dreyer bautizou o primeiro plano como forma de narración auténtica e maxistral para expresar a dor da vítima e o acoso despiadado dos seus verdugos.

Dreyer conseguiu coa actriz Maria Falconetti «a reencarnación da mártir», elevando o filme a unha altura dramática que nin sequera o cinema sonoro puido nunca acadar. Soubo atopar unha linguaxe visual propia que non respondía a ningunha corrente artística ou fílmica coñecida ata o momento.

 

MARTES 15

VAMPYR

Vampyr, der Traum des Allan Grey, Carl Theodor Dreyer, 1932, 68 min., VOSE

Baseado libremente no clásico relato de terror vampírico Carmilla, de Sheridan Le Fanu, Vampyr presenta unha viaxe a medio camiño entre o real e o sobrenatural, a partir do hipnótico pesadelo do mozo Allan Grey. Do mesmo xeito que Carmilla influíu no Drácula de Bram Stoker e nas máis modernas historias de vampiros, a influencia de Vampyr no horror cinematográfico non deixou de medrar ao longo dos anos.

 

MARTES 22

DIES IRAE

Vredens Dag, Carl Theodor Dreyer, 1943, 110 min., VOSE

Dinamarca, 1623. En plena caza de bruxas, Absalom, un vello sacerdote, promete a unha muller condenada a morte que salvará a súa filla Anne da fogueira se a moza accede a casar con el. Segundo a lei, as descendentes das bruxas deben arder tamén nunha pira. Meret, a anciá nai de Absalom, desaproba dende o principio ese matrimonio. Cando Martin, o fillo de Absalom, regresa á casa para coñecer a súa madrastra, namorará dela e ambos os dous compartirán unha relación prohibida que terá consecuencias inesperadas.

 

MARTES 29

ORDET

Ordet, Carl Theodor Dreyer, 1955, 125 min., VOSE

1930, nunha comunidade de Jutlandia, Dinamarca. O ancián Morten Borgen, pai de tres fillos, trata de sacar adiante a súa granxa. Un dos seus vástagos, Ander, está namorado dunha moza dunha familia rival. Outro, Mikkel, agarda que a súa muller, Inger, dea a luz o seu terceiro fillo. O último, Johannes, é un estudante de teoloxía que de tanto estudar e identificarse con Xesucristo é considerado un tolo polos seus veciños.

Ordet é a grande obra mestra do cinema relixioso de todos os tempos, e o filme máis redondo do director danés Carl Theodor Dreyer, que obtivo o León de Ouro en Venecia. O cineasta adaptou unha obra teatral de Kaj Munk, pastor protestante, sobre a relación entre ciencia e relixión, e o poder da oración. A cinta, rica en reflexións antropolóxicas, é herdeira directa da preocupación pola fe do tamén danés Søren Kierkegaard, un dos filósofos fundamentais do XIX.

 

Asóciate!

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Hora

xaneiro 8 (Martes) - 29 (Martes)

Localización

Teatro Principal

Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa