marzo, 2020

03mar(mar 3)00:0031(mar 31)00:00MUNICIPALCineclube Pontevedra. Programación Marzo 202000:00 - 00:00 (31) Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6Evento tipo:Escena,Municipal

Máis

Detalles do Evento

Aquí vos deixamos a programación de marzo, aínda coa resaca felliniana e os lentes de Mastroianni instalados no cerebro. Xa tocaba volver á actualidade, que hai moito cinema que non podedes perdervos.

 

MARTES 3 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

FORZA MAIOR
(TURIST, Ruben Östlund, 2014, 118 min., VOSE)
Linguas: Sueco, inglés, francés.
Calificación por idades: Non recomendada para menores de 7 anos.

Forza maior relátanos un episodio da vida dun matrimonio burgués que, canda os seus dous fillos, chega a un luxoso resort turístico en plenos Alpes para gozar dunhas vacacións de relax e esquí. O sol reloce e as pistas están magníficas, mais durante o xantar no restaurante prodúcese un incidente que asusta a clientela e que, aínda que non ocasiona danos, terá importantes consecuencias.

O director sueco Ruben Östlund ofrece en Forza maior unha irónica disección da institución familiar e unha pertinente comedia arredor do relato identitario da masculinidade e a figura paternal hexemónicas, cuestionando con subliminal elegancia os caducos roles machistas que a sociedade (e o cinema) verteu tradicionalmente en homes e mulleres e que continúan vivos na actualidade.

Forza maior foi seleccionado en 2014 para competir na sección Un certain regard do Festival de Cannes, onde gañou o Premio do Xurado. No seu paso polo XI Festival Europeo de Sevilla fíxose co Premio ao Mellor Guión e co Giraldillo de Ouro.

 

MARTES 10  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

RETRATO DA MOZA EN CHAMAS
(PORTRAIT DE LA JEUNE FILLE EN FEU, Céline Sciamma, 2019, 119′, VOSE)
Lingua: Francés.
Calificación por idades: Non recomendada para menores de 7 anos.
*Filme recoñecido polo ICAA coma Especialmente recomendado para fomento da igualdade de xénero.

Bretaña francesa, 1770. Marianne é unha pintora que debe realizar o retrato matrimonial de Héloïse, unha moza que acaba de deixar o convento. Héloïse non acepta o seu destino de muller casada e négase a posar, polo que Marianne debe traballar en segredo. Para iso, faise pasar por unha dama de compañía, para así observala de día e pintala de noite. A súa relación vólvese máis intensa a medida que comparten xuntas os últimos momentos de liberdade de Héloïse antes da súa voda.

Logo de Lirios de auga, Tomboy e Girlhood, en que abordaba nun contexto urbano a identidade sexual e de clase, Céline Sciamma viaxa ao século XVIII, muda de tempo e de lugar para tecer unha historia de amor onde impera a igualdade, onde non hai dominación dun xénero sobre outro, onde non inflúe ningunha xerarquía social.

Retrato da moza en chamas gañou en Cannes 2019 o Premio ao Mellor Guión, así coma a Queer Palm ao Mellor Filme LGTBI.

 

MARTES 17 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

FOURTEEN
(FOURTEEN, Dan Sallitt, 2019, 94 min., VOSE)
Lingua: inglés.
Calificación por idades: Non recomendada para menores de 16 anos.

Fourteen, escrita e dirixida por Dan Sallit, acompaña a amizade entre dúas mulleres dende a súa xuventude até a idade adulta. Jo é traballadora social e atopa cada vez máis difícil funcionar no mundo, chegar puntual ás citas ou comprometerse. A súa amiga Mara, que admira a Jo dende o instituto, trata de axudala cando pode, e afástase cando o comportamento errático de Jo se torna demasiado difícil de soportar, nun ciclo aparentemente interminable. Ao longo dunha década, a medida que os traballos, os mozos e os apartamentos van e veñen, o poderoso vencello entre as amigas estírase mais nunca racha por completo.

Estreada na Berlinale 2019, Fourteen representa un novo episodio na serie de retratos de relacións que habitan a filmografía de Sallit, un dos valores máis sólidos do cinema indie norteamericano, que, malia o seu prestixio internacional, foi até agora un cineasta inédito nas salas comerciais españolas.

 

MARTES 24 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

SINÓNIMOS
(SYNONYMES, Nadav Lapid, 2019, 123 min., VOSE)
Lingua: francés, hebreo, inglés.
Calificación por idades: Non recomendada para menores de 16 anos.

Yoav, un mozo israelí, marcha a París coa esperanza de que Francia e a sociedade francesa o salven da tolemia do seu país. Nada máis chegar á cidade, Yoav queda literalmente nu, sen posesións nin identidade. Renace así dende cero, renegando de Israel e mailo hebreo, e establece unha intricada e sensual relación cos seus benefactores Émile e Caroline.

Cunha posta en escena enérxica e corporal, e unha visión implacable sobre a violencia estatal israelí, Nadav Lapid gañou con esta historia —autobiográfica— de morte e resurrección o Oso de Ouro na Berlinale de 2019. Tamén o Festival de Cinema Europeo de Sevilla recoñeceu a Lapid co Premio á Mellor Dirección, «pola súa enerxía, a procura de novas posibilidades de linguaxe cinematográfica e un cruzamento moi orixinal entre identidade lingüística e persoal».

 

MARTES 31 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A CINSA É O BRANCO MÁIS PURO
(JIANG HU ER NÜ, Jia Zhang-Ke, 2018, 135 min., VOSE)
Lingua: mandarín.
Calificación por idades: Non recomendada para menores de 12 anos.

2001. Qiao vive namorada de Bin, capo da mafia local de Datong. Quiao, testemuña do ataque dunha banda rival contra Bin, dispara para defendelo. Por non o delatar, é condenada a cinco anos de cárcere. Tras cumprir a súa pena, Qiao busca a Bin e tenta volver con el, mais el non quere seguila. Dez anos máis tarde, en Datong, Qiao continúa adiante, manténdose fiel aos valores da mafia. Bin, canso da vida, regresa na procura da única persoa que amou.

Jia Zhangke (Máis aló das montañas, Un toque de violencia), un dos directores chineses máis consolidados e celebrados na actualidade, achégase neste seu último traballo ao mundo das bandas criminais chinesas cunha historia de (des)amor que se estende a través de dúas décadas e que acompaña o devir do paradigma socioeconómico da súa China natal no século XXI.

 


 

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias:

60 € (ano), 18 € (trimestre) ou 3 € (pase)

+info. en cineclubepontevedra.blogspot.com

 

Hora

3 (Martes) 00:00 - 31 (Martes) 00:00

Localización

Teatro Principal

Teatro Principal. Rúa de Paio Gómez Chariño, 6

X
Imagen banner Coronavirus
COVID 19
Por mor do Coronavirus, o Concello de Pontevedra suspendeu os actos cultural.
Durante o confinamento o Concello ofrece asistencia á cidadanía que pode consultar en www.pontevedra.gal/covid-19/
#Pontevedraquedanacasa